Todos os anos os libros celebran o seu día o 23 de abril.

Xúntanse nos corredores das escolas, falan desde os andeis das bibliotecas, corren ás mesas dos mestres, voan de praza en praza, escapan libres para bailar ao son que marcan as letras. 

Así celebran que todo o ano contamos con eles para soñar, rir, chorar, coñecer piratas, magos, exploradoras e vivir con eles centos de aventuras.

Para que non esquezamos a forza das palabras e  que todas as historias que se contan formen parte de nós, agora que quedamos na casa, un día como hoxe podemos bailar cos libros ao son das palabras.

“…A miña nai líame libros todas as noites, sentada na beira da miña cama. O lugar, a hora, os xestos e os silencios eran sempre os mesmos: a nosa íntima liturxia. Mentres os seus ollos buscaban a páxina onde a véspera abandonamos a lectura, a suave brisa do relato levaba todas as preocupacións do día e os medos intuídos da noite. Aquel tempo de lectura parecíame un paraíso pequeno e provisional –despois aprendín que todos os paraísos son así, humildes e transitorios…”
El infinito en un junco. La invención de los libros en el mundo antiguo. Irene Vallejo. Ediciones Siruela

AÍ VAI A NOSA PROPOSTA…

Tíralle proveito ao confinamento.

Comparte ese libro, ese parágrafo asombroso, ese poema especial que che deixou coa boca aberta, que che fixo rir a cachón, que che puxo a pel de galiña, que non queres esquecer máis…

  1. Grávate lendo un parágrafo dun libro ou un poema que che guste especialmente. Non máis de dous minutos; temos que caber todas/os.
  2. Ponlle á gravación o título do libro ou do poema.
  3. Envíao a biblioteca@colexioandersen.es
  4. Compartiremos todos os vídeos neste mesmo blog.