Dentro do Proxecto Dinamizador Interdisciplinar deste ano, Os bosques, queremos que este día achegue outro pequeno xesto, non só a prol da protección dos nosos bosques, senón de apoderamento da muller.
Todas as mulleres somos valiosas, aprendemos de todas, e todas merecemos ser recoñecidas: avoas, nais, fillas e netas.
É moi importante que reflexionemos sobre este feito e sexamos quen de percibir a pegada que deixaron e deixan as mulleres nas nosas vidas e, así mesmo, amosar o noso agradecemento e o noso recoñecemento.
As mulleres somos árbores vizosas, azoutadas polo vento da desigualdade e por tormentas de violencia de diversa natureza desde o noso nacemento.
As mulleres convertémonos en afoutos carballos; somos creativas e capaces de prender en calquera terra, de sobrepoñernos ás dificultades e, con todo, de crear vida.
Neste acto simbólico, colocamos os nomes das nosas avoas na base destas árbores porque elas simbolizan a orixe, as raíces; os das nosas nais no tronco sosténdonos coa súa fortaleza, e o noso propio na copa da árbore porque sobre as avoas e as nais sustentamos a nosa existencia e a forma de entender o
mundo.
Como as árbores, fincamos fondas as nosas raíces na terra e, non só creamos a vida, senón que a sostemos nos nosos brazos flexibles coma polas e nas nosas costas rexas coma troncos.
Con este acto queremos facer visible a nosa fortaleza e o noso valor. Sen nós non sería posible!